Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aniceto, chamado logo santo Aniceto, nado quizais en Siria e morto posiblemente en Roma en abril de 165, foi bispo cristián desa diocese entre os anos 154 e 165.
O dato máis importante do bispado de Aniceto é o encontro que mantén en Roma no ano 155 co bispo de Esmirna, san Policarpo, e onde discutiron sobre a data en que se debía celebrar a Pascua, que fora colocada por Pío I no domingo posterior á lúa chea de marzo, pero que na Igrexa oriental preferían celebrar o décimo cuarto día do mes xudeu de nisan, é dicir, o día desa lúa, independentemente do día da semana que fose. A xuntanza finalizou sen ningún tipo de acordo, conforme relata Eusebio de Cesarea.
Crese que ditaminou que os cregos non podían levar o pelo longo, probablemente por oposición aos gnósticos, que si o levaban. Ademais de a estes opúxose e condenou tamén o montanismo.
Como todos os papas anteriores ao edicto de Milán, foi considerado santo. Tamén se ten sinalado que foi mártir, se ben isto non está demostrado. A súa festa é o 17 de abril. Foi soterrado no camposanto de Calisto, en Roma, ao pé da vía Apia, pero en 1604 o seu corpo foi trasladado á capela do Pazo Altemps, por orde de Clemente VIII.
Non hai ningunha parroquia en Galicia baixo a avogación de santo Aniceto.