Liexa[1] (en francés: Liège
[ljɛʒ] (axuda · info), en neerlandés: Luik
[lœyk] (axuda · info), en alemán: Lüttich [ˈlʏtɪç], en valón: Lîdje)[a] é unha cidade francófona do leste de Bélxica, capital da provincia homónima. É a quinta cidade máis grande do país despois de Bruxelas, Anveres, Gante e Charleroi; o terceiro conglomerado despois dos de Bruxelas e Anveres; e a terceira cidade francófona tras Bruxelas e Charleroi.[2]
Está situada no val do río Mosa, cerca das fronteiras con Alemaña e os Países Baixos, xunto á desembocadura dun dos seus afluentes, o río Ourthe. Comunícase con Anveres mediante o Albertkanaal (canle Alberto) e coa rexión renana mediante o Mosa. Atópase ademais nunha antiga zona industrial, a espiña dorsal industrial de Valonia. O municipio de Liexa inclúe aos antigos asentamentos de Angleur, Bressoux, Chênée, Glain, Grivergné, Jupille-sur-Meuse, Rocourt e Wandre.
De 972 a 1795 foi a capital do principado de Liexa, e durante os séculos viii e xvi sé do bispado de Liexa, herdanza da Civitas Tungrorum romana.
Dende o século xv a cidade experimentou un continuo desenvolvemento económico, e no xix converteríase nun importante centro industrial como consecuencia da explotación das minas de hulla e do seu procesamento. Industria siderúrxica, de transformados metálicos, de construción de maquinaria, armamentística, química, do caucho, do vidro e alimentaria (refinaría de azucre). A cidade posúe un dos portos fluviais máis importantes de Europa, tamén posúe un Aeroporto en Bierset. Liexa constitúe o centro cultural dos valóns. A súa universidade fundouse en 1817.
Entre o 4 e o 16 de agosto de 1914 tivo lugar nesta cidade a batalla de Liexa, na que os alemáns conquistarían a praza no seu avance cara París.
Entre 1931 e 1937 estivo situada nesta localidade a Escola de Enxeñería ICAI, logo de que a Compañía de Xesús fora expulsada de España.
Panorámica de Liexa
- ↑ Ata 1949 o nome francés da cidade escribíase Liége, con acento agudo en vez de grave.
- ↑ Segundo Criterios para o uso da lingua, SNL da Universidade da Coruña, así como tamén conforme a forma empregada en Atlas xeográfico e histórico de Galicia e do Mundo, a Diciopedia do século 21 e o Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega.
- ↑ "Statistics Belgium. Working Paper" (PDF). www.statbel.fgov.be (en neerlandés). 2008. Archived from the original on 29 de outubro de 2008. Consultado o 16 de decembro de 2019.
Concellos da provincia de Liexa |
---|
| |