www.fgks.org   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Autolux

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Autolux
A banda en directo
OrixeOs Ánxeles, Estados Unidos
Período2000-presente
Xénero(s)rock alternativo, art rock, shoegaze
Selo(s) discográfico(s)TBD Records, ATP Recordings
MembrosEugene Goreshter
Greg Edwards
Carla Azar
Na rede
http://www.autolux.net/
IMDB: nm2163566 Facebook: autolux Twitter: autolux101 Instagram: autolux_autolux MySpace: autolux Bandcamp: autoluxSouncloud: autolux-1 Last fm: Autolux Musicbrainz: 78404fdf-23b4-465e-ab02-21adf9ad6d28 Songkick: 258210 Discogs: 273934 Allmusic: mn0000814398 Editar o valor em Wikidata

Autolux é unha banda estadounidense de rock alternativo procedente dos Ánxeles e formada en 2001. Foi fundada por Eugene Goreshter (coros e baixo), Greg Edwards (guitarra e voz) e Carla Azar (batería e voz). A súa música está influenciada por gran variedade de estilos, como post-punk, electrónica, krautrock e shoegaze.[1][2]

Autolux formouse durante o ano 2000 e Os Ánxeles, California. Goreshter e Azar coñecéronse mentres escribían a partitura para a obra de teatro Morte accidental dun anarquista, do premio Nobel Dario Fo. Azar coñecera a Edwards cando a súa antiga banda Ednaswap estaba de xira con Failure, antiga banda de Edwards.[3] No mes de agosto dese ano, Autolux debutou realizando dous concertos no Silverlake Lounge. O 1 de marzo do 2001 a banda editou un EP auto-producido titulado Demonstration.[4]

Despois de impresionar ao produtor T-Bone Burnett durante unha actuación, Autolux asinou con DMZ, un pequeno selo creado por Burnett e os irmáns Coen.[3][4]

En maio do 2002, Azar caeu do escenario despois dun concerto como abreconcertos de Elvis Costello. O seu cóbado quedou estragado, e dixéronlle que "probablemente non podería tocar a batería máis". Secasí, grazas a unha operación experimental onde lle puxeron oito parafusos de titanio, recuperouse completamente.[5]

En novembro do 2002, Autolux entrou no estudio para gravar o seu primeiro álbum, Future Perfect, que remataría en xaneiro do 2003. En contraste co método de gravación en 8 pistas usado no Demonstration, Burnett quería capturar o son en directo da banda neste álbum. Despois das gravacións iniciais, a banda continuaría gravando por riba pistas adicionais no seu local de ensaio, que tamén funcionaba como estudio, coa intención de darlle un son máis cru aos temas.[4] A principios do 2003 o álbum foi mesturado varias veces, realizando a derradeira mestura Dave Sardy, antigo líder de Barkmarket. Finalmente sería editado o 21 de setembro do 2004 cun bo recibimento por parte da crítica.[3]

Autolux comezou a promocionar Future Perfect en xaneiro do 2005 facendo unha xira con The Secret Machines. Durante o resto do ano Autolux continuou tocando cun bo número de bandas, incluíndo Clinic, Broadcast, The White Stripes, Shellac e Beck.[6] En abril de 2005 Autolux tocou no festival All Tomorrow's Parties comisionado por Vincent Gallo en Londres,[4] e en maio a banda tocou no Coachella Valley Music and Arts Festival.[7]

Autolux foi entón convidado por Trent Reznor como abreconcertos para a xira do álbum With Teeth de Nine Inch Nails, de setembro a outubro do 2005.[3] Despois da xira con Nine Inch Nails, a banda rematou o ano abrindo para Queens of the Stone Age no Wiltern Theatre nos Ánxeles.

Despois da disolución do selo DMZ, que pertencía á Sony Music, Autolux moveuse á Epic Records, tamén da Sony.

En xaneiro do 2006 Autolux tocou no Jimmy Kimmel Live (un talk-show da televisión estadounidense).[8] En febreiro a banda escribiu a peza "Tears for an Inhaler" para unha exposición chamada "Sonic Scenery" no Natural History Museum do condado dos Ánxeles.[9] A exposición tamén incluía a artistas coma Matmos e Nels Cline.

En xuño de 2006 James Lavelle, de Unkle, achegouse a Autolux para que a banda colaborase no seu seguinte disco. Do seu traballo xurdiu o tema "Persons & Machinery", que foi incluído no álbum War Stories, publicado en xullo de 2007. Goreshter tamén tocou o baixo nalgúns dos temas do disco. O 30 de abril do ano 2007, Unkle lanzou unha edición limitada en 12" chamada Surrender Sounds Session #3 & #4 (Autolux/Black Mountain), que contiña unha remestura do tema "Turnstile Blues" do álbum Future Perfect.[10][11]

"Turnstile Blues" tamén apareceu como canción de apertura da película dese mesmo ano The Air I Breathe. No mes de agosto a banda tocou no Sunset Junction Street Fair en Silver Lake, California, e en decembro Portishead invitounos a tocar na edición dese mes do festival All Tomorrow's Parties.[12]

Autolux actuou no Primavera Sound de Barcelona en maio de 2008,[13] e no mes de xuño uniuse a PJ Harvey para unha xira por Rusia. En setembro a banda tocou no festival ATP en Monticello, Nova York, comisionado por My Bloody Valentine.[14] En setembro de 2009 o grupo completou a súa primeira xira como cabeza de cartel polos Estados Unidos, incluíndo outra aparición no ATP comisionado por The Flaming Lips.[15]

Future Perfect estaba descatalogado, polo que Autolux reeditouno en vinilo en 2009 a través do seu propio selo Autolux Music Entertainment. O disco sería reeditado novamente en 2015 por The Autolux Empire.[16]

En marzo de 2010 Thom Yorke pediu a Autolux que fose o abreconcertos do seu proxecto Atoms for Peace no Santa Barbara Bowl en Santa Bárbara, California. No mes de maio dese ano a banda apareceu noutra canción de Unkle, "Joy Factory", no álbum Where Did the Night Fall.

Autolux editou o seu segundo álbum, Transit Transit, o 3 de agosto do ano 2010 a través do selo TBD Records en Norteamérica e o Xapón e a través de ATP Recordings no resto do mundo. A banda autoproduciu Transit Transit con Edwards servindo como enxeñeiro de son. A meirande parte do traballo gravouse en Space 23, mentres que un feixe de pistas de batería ("Highchair", "Spots" e "The Science of Imaginary Solutions") saíron dunha sesión anterior co enxeñeiro John Goodmanson. "Supertoys" publicouse como primeiro sinxelo do álbum, estreándose na páxina web da banda o 23 de xuño de 2010. A banda saíu de xira polos Estados Unidos, o Canadá e México en agosto e setembro dese ano.

No mes de decembro de 2010 a banda iniciou a súa primeiro xira europea. O día 6 dese mes ATP publicou un sinxelo de 7" con dúas cancións, "The Bouncing Wall"/"Census" (ámbalas dúas de Transit Transit). A principios de 2011 este foi reeditado dixitalmente por TBD como un EP, coa adición de tres temas inéditos.[17]

O 27 de febreiro de 2011 a banda tocou noutro festival All Tomorrow's Parties, desta vez en Toquio e co nome "I'll Be Your Mirror".[18]

O 19 de novembro de 2015 Autolux compartiu o sinxelo "Soft Scene" e anunciou que o seu terceiro álbum sería editado na primavera de 2016 a través do novo selo do músico Danger Mouse, 30th Century Records.[19]

O 19 de xaneiro de 2016, Autolux anunciou que o lanzamento do disco sería o 1 de abril. Pussy's Dead foi producido polo artista e produtor Boots, que anteriormente traballara con artistas como Run the Jewels, FKA Twigs e Beyoncé.[20][21]

Discografía

[editar | editar a fonte]
Álbum Ano Selo Observacións
Demostration (EP) 2001 auto-editado EP
Future Perfect 2004 DMZ
Transit Transit 2010 ATP Recordings, TBD Records
Pussy's Dead 2016 30th Century Records
  1. "Trent Reznor Boosts Autolux From Clubs To Arenas". MTV (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2023. Consultado o 2023-10-30. 
  2. "Autolux - Transit Transit". AllMusic (en inglés). Consultado o 2023-10-30. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Archive-Jon-Wiederhorn. "Trent Reznor Boosts Autolux From Clubs To Arenas". MTV News (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2022. Consultado o 2022-01-16. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 "Autolux Songs, Albums, Reviews, Bio & More". AllMusic (en inglés). Consultado o 2022-01-16. 
  5. "Live again, Autolux is making up for lost time". Los Angeles Times (en inglés). 2003-11-06. Consultado o 2022-01-16. 
  6. "twenty/forty". web.archive.org. 2007-06-08. Archived from the original on 08 de xuño de 2007. Consultado o 2022-01-16. 
  7. "All Things Coachella : The 2005 Guide" (PDF). thelisten.net. Archived from the original on 08 de outubro de 2007. Consultado o 16 de xaneiro de 2022. 
  8. "Prefixblog.com: Autolux on Jimmy Kimmel (Videos)". archive.ph. 2006-11-18. Arquivado dende o orixinal o 18 de novembro de 2006. Consultado o 2022-01-17. 
  9. "Sonic Scenery: Music for Collections". web.archive.org. 2007-06-23. Archived from the original on 23 de xuño de 2007. Consultado o 2022-01-17. 
  10. "DJ James Lavelle/UNKLE Music  - Shop the DJ James Lavelle/UNKLE Official Store". web.archive.org. 2009-03-04. Archived from the original on 04 de marzo de 2009. Consultado o 2022-01-17. 
  11. "UNKLE Remix Autolux For New Single — News — AngryApe". web.archive.org. 2007-09-27. Archived from the original on 27 de setembro de 2007. Consultado o 2022-01-17. 
  12. "Nightmare Before Christmas curated by Portishead". All Tomorrow's Parties (en inglés). Consultado o 2022-01-18. 
  13. "ATP at Primavera Sound 2008". All Tomorrow's Parties (en inglés). Consultado o 2022-01-18. 
  14. "ATP New York curated by My Bloody Valentine & ATP". All Tomorrow's Parties (en inglés). Consultado o 2022-01-18. 
  15. "ATP New York 2009 curated by The Flaming Lips & ATP". All Tomorrow's Parties (en inglés). Consultado o 2022-01-18. 
  16. "Autolux – Future Perfect (2004, Vinyl)" (en inglés). Consultado o 2022-01-18. 
  17. "New Autolux EP Out Now – TBD RECORDS" (en inglés). Consultado o 2022-01-18. 
  18. "Event Info (English) - I'll Be Your Mirror Tokyo curated by ATP (SOLD OUT)". All Tomorrow's Parties (en inglés). Consultado o 2022-01-18. 
  19. "Autolux – “Soft Scene” (Prod. Boots)". Stereogum (en inglés). 2015-11-19. Consultado o 2022-01-18. 
  20. "From Failure to Strange Floating Grooves: Autolux Return". www.vice.com (en inglés). Consultado o 2022-01-18. 
  21. "Autolux Announce New Album Pussy's Dead, Tour". Pitchfork (en inglés). 2016-01-19. Consultado o 2022-01-18. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]