Abraham Lincoln

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Abraham Lincoln
Abraham Lincoln O-77 matte collodion print.jpg
Abraham Lincoln
Seal of the President of the United States.svg
16º Presidente dos Estados Unidos
Período 4 de marzo de 186115 de abril de 1865
Antecesor James Buchanan
Sucesor Andrew Johnson
Datos persoais
Nacemento 12 de febreiro de 1809
Lugar Hodgenville, Kentucky
Falecemento 15 de abril de 1865 (56 anos)
Lugar Washington
Organización Partido Republicano
Cónxuxe Mary Todd (1842 - 1865)
Fillos Robert Todd Lincoln
Edward Baker Lincoln
William Wallace Lincoln
Tad Lincoln
Profesión Político e avogado
Capt Abraham Lincoln signature.png

Abraham Lincoln, nado preto de Hodgenville, Kentucky, o 12 de febreiro de 1809 e finado en Washington o 15 de abril de 1865, foi o 16º (1861-1865) presidente dos Estados Unidos e o primeiro presidente do Partido Republicano dos Estados Unidos da América.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Naceu nunha familia de condición humilde, no Condado de Hardin, próximo á cidade de Hodgenville, Kentucky, e exerceu diversos oficios manuais ata poder estudar leis, abrindo seguidamente despacho en Springfield.

En 1816, a súa familia mudouse para o estado de Indiana, onde Lincoln viviu dos sete aos 21 anos. O seus estudos, segundo as súas propias palabras, resumíanse, nesa época, a saber ler, escriber e facer as catro operacións. No estado había escaseza de libros e papel, e a Biblia era probabelmente o único libro existente en casa dos seus pais. Lincoln estudouna a fondo, vindo máis tarde a enriquecer os seus discursos e traballos escritos con citas bíblicas. En 1831, Lincoln mudouse para a aldea de New Salem, no estado de Illinois, empregandose como dependente nunha tenda. En New Salem, onde viviu case seis anos, fíxose carteiro e máis tarde foi elixido deputado por Illinois (1834-1840) e membro do Senado (1844-1848).

Durante o seu segundo mandato na Asemblea, Lincoln comezou estudar Dereito e completou a súa formación, tomou libros emprestados, estudounos e, en 1836, obtivo licenza para exercer a avogacía. No ano seguinte mudouse para a nova capital do estado, Springfield, onde, xuntamente a outros, constituíu un despacho de avogacía. En 1842, casou con Mary Todd e, dous anos despois, montou un novo despacho en sociedade con William Herndon. Esa sociedade xamais se desfixo. A práctica da avogacía en Illinois non era especializada no tempo de Lincoln. Durante seis meses cada ano, Lincoln integraba os tribunais itinerantes do estado percorrendo varios concellos e aceptando os casos que lle presentaban. A súa actuación como avogado fíxoo coñecido en todo Illinois. En 1846, foi elixido para a Cámara de Representantes federal. De 1847 a 1849, Lincoln actuou no Congreso, onde se fixo impopular por causa da oposición que fixo ao presidente James K. Polk, culpándoo pola guerra con México. Desistiu de tentar a reelección e volveu exercer a avogacía. Unha súbita mudanza na política nacional en relación á escravitude trouxo Lincoln de volta á política. O Acordo do Misouri prohibira, en 1820, a escravitude nos novos territorios situados ao norte da fronteira sur do Missouri. En 1854, o senador Stephen A. Douglas presentou unha lei para organizar os territorios de Kansas e Nebraska que repelía o Acordo do Missouri, establecendo que os colonos deberían decidir se desexaban ou non a escravitude. Lincoln era contrario a esa lei. En 1858, disputando un posto ao Senado con Douglas, Lincoln desafiouno nunha serie de debates arredor da extensión da escravitude nos territorios libres. Lincoln perdeu as eleccións, mais transformouse nunha figura salientable na nación, posibilitando así a súa candidatura á Presidencia en 1860, tendo estado esa actuación relacionada, tamén, coa fundación do Partido Republicano dos Estados Unidos da América en 1854. En 1860, a asemblea nacional republicana presentouno como candidato á presidencia da nación.

O Goberno de Lincoln[editar | editar a fonte]

Lincoln Memorial, en Washington

A marcha dos acontecementos acelerouse no Sur durante os meses que antecederon a toma de posesión de Lincoln na Presidencia. Varios líderes do Sur ameazaran retirar os seus estados da Federación, no caso de que Lincoln gañase as eleiccións. Cando el tomou poseión, en marzo de 1861, sete estados do Sur retiraranse e máis catro fixeron o mesmo despois. Eses estados formaron, entón, a Confederación dos Estados de América. A pesar de ter intentado un esforzo extraordinario de conciliación, a súa escolla electoral para aquel cargo provocou a eclosión da Guerra Civil Americana. O 12 de abril, os confederados bombardeaban o forte Sumter. Lincoln enfrontou a crise con enerxía: decretou o bloqueo dos portos suristas e aumentou o Exército alén dos límites impostos pola lei. Despois de perderen as primeiras batallas, os nordistas acabaron por vencer a guerra, a cal durou catro anos e deixou un saldo de 600 mil mortos. A pesar dos fracasos iniciais e da consecuente impopularidade, Lincoln xamais se deixou abater. Para el, os E.U.A. representaban unha experiencia da capacidade dun pobo para se gobernar a si mesmo. No caso de que fallase, os reis, os ditadores e os seus defensores poderían dicir que o pobo non era quen de ter autonomía e que alguén debería gobernalo. Lincoln xulgaba que na Guerra de Secesión estaba en xogo o destino da democracia mundial. O 22 de setembro de 1862 publicou a proclamación que concedía a liberdade aos escravos dos Estados confederados. Aos ollos das outras nacións, a libertación deu un novo sentido á Guerra e abriu camiño para a abolición da escravitude en todo o país, en 1865. En 1864, as vitorias dos nordistas posibilitaron a reelección de Lincoln, cuxo novo mandato tivo inicio no ano seguinte.

O asasinato[editar | editar a fonte]

Litografía do asasinato de Lincoln

O 1 de abril de 1865 remataba a guerra civil. Na noite de 14 de abril de 1865, algúns días despois do término da guerra, Lincoln foi asasinado no Teatro Ford, en Washington, Distrito de Columbia, mentres asistía a unha peza. O sudista X. W. Booth, o asasino, un dos actores máis coñecidos da época, desfechou un tiro na cabeza do presidente, que morrería na mañá do día seguinte. O actor era un defensor da causa sudista na Guerra de Secesión. Encanto ocupou a Presidencia, Lincoln foi duramente criticado, mais, despois da súa morte, ata mesmo os seus inimigos eloxiaranlle a grandeza de espírito e abnegación. É ata hoxe unha das figuras históricas máis admiradas nos E.U.A. Lincoln foi substituído no cargo polo vice-presidente Andrew Johnson.

Moitos dos seus discursos e traballos escritos constitúen un clásico sobre os ideais e obxectivos democráticos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Presidente dos Estados Unidos

Segue a:
James Buchanan
Abraham Lincoln
Precede a:
Andrew Johnson
Partido Republicano (Estados Unidos)